“A Borga”, de Eduardo Blanco-Amor, em português
Em 2023, sob a chancela da editora Guerra & Paz, foi lançada a tradução para português do romance A Borga ("A Esmorga", 1959) de Eduardo Blanco-Amor, traduzido por Pedro Ventura. Este livro foi destacado pelo Ipsilon como um melhores livros publicados em 2023.
A CJS-UVigo convidou a professora e investigadora Anxos García Fonte para escrever uma crónica sobre o que significa a chegada tardia a Portugal, mais de 60 anos após sua publicação, de um dos romances mais significativos da literatura galega do século XX.
Doutora em Filologia Galega, Anxos García Fonte, é professora de língua e literatura galegas e crítica literária. Ganhou destaque recentemente como produtora e argumentista da premiada curta-metragem "A rosa incandescente", que aborda a vida de Rosalía de Castro.
A BORGA OU A INCOMPRENSÍBEL CALIDADE DA LITERATURA GALEGA
Unha crónica de Anxos García Fonte
Celebramos que, por fin, despois de 64 anos, o público lector en Portugal descubra unha das obras narrativas da literatura galega máis importantes do século XX, A esmorga. A tradución desta novela, obra de Pedro Ventura editada por Guerra & Paz, que saíu á luz como A Borga hai pouco máis de medio ano, ocupa os primeiros postos de valoración entre os mellores libros publicados en Portugal durante o 2023.
A respecto deste acontecemento -tristemente debemos considerar así que un libro orixinariamente escrito en galego chegue ás librerías portuguesas- gustaríanos facer un par de consideracións. En primeiro lugar, falaremos acerca da obra e, en segundo lugar, verbo do propio sistema literario no que se inscribe e as súas dificultades para ser tratado con respecto e non como un fenómeno cultural subalterno dunha España onde as periferias do universo madrileño son negadas e satanizadas sistematicamente.
A esmorga, a versión orixinal escrita en lingua galega de A Borga, sae á luz en 1959 en Buenos Aires, onde Blanco-Amor se instalara en 1919 e onde logrou facer unha interesante carreira literaria e xornalística, sen nunca deixar de exercer como escritor galego moi activo nas iniciativas culturais da numerosísima comunidade galega da cidade. Estamos a falar dunha figura que se relaciona e traba amizade cos grandes da literatura en lingua española do S. XX como Borges, Ernesto Sábato, Horacio Quiroga ou García Lorca, non dun afeccionado das letras. Por iso é chocante que nalgunha das recensións críticas publicadas sobre a tradución portuguesa, estoume a referir á de José Riço Direitinho no suplemento cultural Ipsilon do 24/1/2024 no xornal Público, se apunte a que A esmorga (1959) tería influencia de Mazurca para dos muertos (1983) a través de La familia de Pascual Duarte (1942) de Camilo José Cela, autor que o foi todo na literatura española do franquismo e a transición e a cuxa obra os anos están a pasar unha inapelábel factura.
Cela foi, precisamente, un autor envolto en varios escándalos de apropiación do traballo e as ideas dos demais chegando a ser denunciado nos tribunais por este motivo por unha escritora descoñecida, Carmen Formoso, que viu como o argumento da novela que presentara ao Premio Planeta en 1994 tiña demasiadas coincidencias coa que finalmente foi a gañadora, La cruz de San Andrés, asinada por Cela.
Non, Blanco-Amor non lle debe nada a Cela, se acaso é ao contrario: e por citar a mesma conexión que José Riço Direitinho establece entre a novela de Blanco-Amor e a de Cela, direi que na 2ª páxina da Mazurca para dos muertos pódese ler “me paso las tardes en la cama haciendo las porquerías con Benicia”, unha copia ao pé da letra, ou unha rendida homenaxe á expresión “facer as cochinadas” que aparece tantas veces nos personaxes da novela de Blanco-Amor.
A esmorga é unha novela extraordinaria pola súa coherencia entre o que se conta, as eleccións dos elementos da estrutura narrativa e o estilo lingüístico. Blanco-Amor é un deses escritores capaces de crear un universo literario propio, único e recoñecíbel. Busquemos mellor as influencias en Cervantes, tanto en El Quijote como nas Novelas ejemplares e atoparemos alí o ambiente lumpen que tanto sorprendeu e segue a sorprender n´A esmorga. Porque en Blanco-Amor, como en Cervantes, os personaxes falan como o que son, cousa que, por moi escandaloso que soe, non sucede no Pascual Duarte de Cela. Busquemos influencias nos narradores arxentinos que el lía e con quen falaba de literatura. E, sobre todo, busquemos relacións estilísticas e temáticas na sorprendente narrativa galega do século XIX, na colección de relatos Pé das Burgas (1896) de Francisco Álvarez de Nóvoa, e XX en Vicente Risco, con quen tivo unha intensa relación cultural, en Otero Pedrayo (quen por certo foi o primeiro tradutor do Ulysses de Joyce a unha lingua peninsular, o galego, na mítica revista Nós), en Castelao, en Rafael Dieste … moito máis que unha “narrativa costumista”, como afirma José Riço Direitinho no suplemento cultural Ipsilon do xornal Público.
Mais para chegar a este punto é preciso pasar por riba de moitos preconceptos, tal como que a literatura galega está inevitabelmente subordinada á española e que as obras que se escriben en galego son pálidos reflexos do potente espírito innovador que late en Madrid e arredores. O fácil é pensar que unha obra literaria escrita nunha lingua minorizada é, ou ben unha imitación dalgunha obra literaria con maiúsculas feita no centro dalgún sistema literario hexemónico, ou ben o resultado de pregar a literatura aos intereses políticos dunha minoría non recoñecida, o que se chama literatura de combate.
A literatura galega vén demostrando desde o seu Rexurdimento a mediados do século XIX que se pode facer unha literatura de altísima calidade e, ao tempo, profundamente implicada no debate ideolóxico e político do seu tempo. A mellor literatura galega funde as súas raíces na terra e aliméntase da lingua propia, á que á súa vez enriquece e revitaliza. A mellor literatura galega contemporánea parte de Rosalía de Castro no século XIX e florece en múltiples autores e autoras de obras literarias dignas de admiración, escritas en condicións adversas e no medio dun menosprezo case universal.
As persoas cultas de Portugal de fins do século XIX e principios do XX atrevíanse a ler literatura galega na súa lingua orixinal. En cantas da venerables bibliotecas de Portugal non están os libros de Rosalía de Castro? Desde logo, as e os máis influentes intelectuais lérona con deleite e admiración. Na propia biblioteca de José Saramago están as obras de moitas e moitos dos “fillos intelectuais e literarios” de Rosalía e de Castelao, quen foi, xunto cos integrantes do Seminario de Estudos Galegos, nomeadamente Vicente Risco, un gran impulsor das relacións entre a cultura galega e a portuguesa durante o 1º terzo do século XX. Porén, chegou o fascismo e a barbarie e toda esta rica actividade de portas e fronteiras culturais abertas foi perseguida e aniquilada. Durante máis de 40 anos oficialmente só existiu a literatura en lingua castelá e a literatura galega converteuse nunha anécdota chocalleira de incomprensíbel subsistencia… Eppur si muove!
Soñemos cun futuro en que a intelectualidade portuguesa volva a atreverse a ler en galego, tal e como fai a elite galega, coas obras da literatura portuguesa e brasileira, directamente en portugués. O interese das e dos intelectuais galegos polo que acontece culturalmente en Portugal é antigo, xenuíno e mantense ao longo do tempo. Por iso non deixa de sorprender que para boa parte das elites culturais do Portugal de hoxe en día Galicia siga a ser unha escura provincia española, que só se explica a partir do que se di en Madrid. Xusto a visión reducionista sobre a que alzou a súa voz Rosalía de Castro en 1863. E xa choveu desde aquela.
É preciso revisar as relacións culturais entre Galicia e Portugal á luz da facilidade que nos ofrece termos linguas tan próximas e, en certa maneira, tamén un imaxinario cultural tradicional semellante. Ambas as beiras da raia temos moito que gañar.
Anxos García Fonte, 14 de febreiro de 2024